Inicio
PDF Imprimir E-Mail
        Na Estrada pensamos que  a  programación  cultural  non é un reducto pechado e elitista e ás veces aburrido. Ó contrario, militamos na idea dunha cultura ampla, aberta e participativa, que tente recoller tódalas manifestacións artísticas e sociais, e que sexa receptiva ás demandas da sociedade. Desexamos unha cultura dinámica, unha cultura en movemento, interdisciplinar, que se arrisque, que non diga por principio a nada que non, unha cultura que escoite.

        E por iso pensamos tamén que os espazos culturais deben respirar, deben palpitar, non poden converterse en ceremoniosos panteóns para uso exclusivo das manifestacións culturais consideradas serias.
       
        Porque tódalas manifestacións culturais son serias para nós. E non entendemos “lúdico” como “frívolo”. Non pensamos que a calidade dunha proposta artística, sexa do tipo que sexa, se mida polo seu grao de solemnidade e adustez. De ahí que dende o 2003 programamos a música no Teatro, porque amamos a música e amamos o teatro, porque os teatros poden ser para todo, igual que deben ser para todos.
 
        No MARZOPOP por algunhas semanas as escenografías deixarán paso ás luces de cores, os monólogos ós riffs de guitarra e os diálogos ás baladas e ós medios tempos. Sen embargo, a interpretación non desaparece. Nin a mensaxe, nin a ponte que se crea entre o espacio escénico e as butacas. Só atopa nesta ocasión un novo vehículo de transporte, que chega da forma que só pode chegar a música, elevándonos, emocionándonos, filtrándose as súas frecuencias por todos os poros da nosa pel. Por iso o POP. O popular. Porque non nos avergoña esta palabra nin a entendemos como unha manifestación artística inferior. E se seguides apoiándonos, nós seguiremos medrando.
 
Emitimos acordes as verdades unidireccionais.
Emitimos acordes contra o monolitismo e a ampulosidade.
Emitimos acordes contra o aburrimento.
 


© Marzopop 2005 all rights reserved